top of page

3º e 4º de Secundaria reciben á poeta Yolanda Castaño

Esta mañá tivemos a enorme fortuna de contar coa visita de Yolanda Castaño, galardonada co Premio Nacional de Poesía 2023 que outorga o Ministerio de Cultura. É unha poeta moi laureada; antonte mesmo recibía o Premio da Cultura Galega 2023 na modalidade de Letras.


O alumnado de 3º e 4º de Secundaria agardábana na Biblioteca con cadanseu exemplar de Materia nas súas mans. E foi sobre este poemario sobre o que versou a charla que conduciron notablemente Daniel e Fátima, reflexionando sobre a temática da familia e da renuncia voluntaria á maternidade.


Yolanda Castaño falounos do concepto de intertextualidade, e defendeu tamén que a poesía, malia ter moitas capas de significado, non debe tomarse como un xeroglífico que haxa que descifrar na procura dunha única resposta clara e concisa. Antes ben, o lector ten a mesma importancia que o autor para ofrecer unha interpretación á obra. Trátase de sentir, de disfrutar, e non hai instrucións na arte. 


Descubrimos que Yolanda Castaño se iniciou na poesía desde nena, baixo a influencia de Gloria Fuertes. Logo admirou a Bécquer, á Xeración do 27…, e mentres ela medraba como escritora, tamén buscaba novos referentes. Insiste na importancia de manterse ao día do que escriben os poetas cercanos pero tamén lle gusta ler a outros máis distantes xeograficamente. Disfruta do vasco Gabriel Aresti, do chinés Xi Chuan e do xaponés Yasuhiro Yotsumoto, por mencionar algúns exemplos.


A poesía, xa que logo, non ten fronteiras, e Yolanda Castaño levou os seus versos por todo o mundo. Para a nosa sorpresa, estivo recitando en Tunisia, India, China, Xapón…


E a nós tamén nos recitou. Ten un declamar fermoso, e na súa voz a poesía volve ser novamente lírica; isto é, unha poesía para ser escoitada.


Compartimos un vídeo coa lectura dun dos seus poemas e varias fotografías de lembranza desta fermosa xornada.








94 visualizaciones

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page