Lois Pérez noutra vida foi xogador de fútbol sala. Nesta vida é un magnífico escritor que conta co V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade coa súa novela A gruta da torre.
O alumnado de 1ºESO leu esta novela e convidaron a Lois Pérez a visitar a nosa biblioteca para poder falar de todos os segredos que se agochan detrás deste libro.
Confesounos que moitos dos personaxes están baseados en persoas reais, amigos seus da infancia… E mesmo a foca Cuquiña existiu e foi famosa naquel Ribadeo dos anos 80.
A gruta da torre nace durante o confinamento a petición do fillo do autor, que lle reclama historias para non aburrirse pechado na casa. É así como o Lois escritor -pai do neno tamén chamado Lois- crea as historias dun terceiro Lois, o protagonista desta novela, que xorde para que se coñezan todas as aventuras vividas polo pai e agora revividas polo fillo e por todos nós a través da lectura.
Descubrimos que o título é simbólico: a torre son os soños, e a gruta é o camiño que nos leva a eles. Lois Pérez ensinounos tamén algún truquiño de escritor, como por exemplo deixar “caixas de misterio” ao longo da novela, que son pequenos datos que van cobrando sentido a medida que imos avanzando na lectura.
Cun final de poesía e cunha promesa de que haberá segunda parte para esta historia, despedímonos de Lois Pérez, obsequiándoo cun retrato que lle gustou moito. Logo el nos asinou exemplares dedicando unhas fermosas palabras nos nosos libros.
Kommentare