PLÁSTICA - 5º PRIMARIA

Actualizado: hace 3 días


25/05/2020 – TAREFA FINAL

Bos días, esta semana imos rematar con Plástica. Penso que traballastes moitísimo dende casa, con gañas e bo ánimo. Hoxe imos despedir a materia por todo o alto, pedireivos un último traballo que será de investigación. Empezamos:

RENACEMENTO E BARROCO ESPAÑOL - TAREFA PARA ENVIAR

Realiza o seguinte traballo en Word ou Power Point. Podes facelo a man, nun gran mural con fotos e debuxos se o prefires.


  • Elixe un destes períodos artísticos, pintor e a obra a traballar:


Renacemento, El Greco, O enterro do Señor de Orgaz.


Barroco, Velázquez, As Meninas.


Se elixes o Renacemento, o teu traballo ten que ter estas partes:

  • Portada (se o fas por ordenador) ou gran título (se o fas nunha cartolina grande)

  • Que características ten a arte renacentista?

  • Quen foi El Greco?

  • Que características ten a súa obra O enterro do Señor de Orgaz?

Se elixes o Renacemento, o teu traballo ten que ter estas partes:

  • Portada (se o fas por ordenador) ou gran título (se o fas nunha cartolina grande)

  • Que características ten a arte barroca?

  • Quen foi Velázquez?

  • Que características ten a súa pintura As Meninas?


FONTES QUE PODES UTILIZAR

Se tes libros de arte en casa, aproveita esa gran posibilidade. Se non, aconsello observar estas páxinas webs para sacar ideas:


El Greco, O enterro do Señor de Orgaz

https://es.wikipedia.org/wiki/El_Greco

https://www.youtube.com/watch?v=t1KMhGv85Kk , mellor desde o minuto 6:30 que xa fala concretamente da obra.

Velázquez, As Meninas

https://es.wikipedia.org/wiki/Diego_Vel%C3%A1zquez

https://es.wikipedia.org/wiki/Las_meninas

https://www.youtube.com/watch?v=3cqdOhuboC4


CONSELLO FINAL

  • Non escribas nada que non entendas.

  • Non sexas moi extenso. As veces, menos é máis.

  • Pon imaxes ou debuxos.


PRAZO DE ENTREGA – 12 DE XUÑO

Se o rematas antes, podes envialo.


18/05/2020 – TAREFA ATA O 25 DE MAIO

Bos días! Esta semana imos seguir coas simetrías. Fixemos simetría cos mosaicos, cos arcos e, agora, con materiais que tedes por casa. En clase douvos varias láminas, pero agora non vos podo pedir que imprimades en casa.


Antes de empezar, comparto algunhas imaxes de mosaicos e arcos que me chegaron estes días. Moi bos traballos.


19/05/2020: engado algunha simetría que teño a día de hoxe. Encántame que fagades os traballos optativos, iso amosa un gran interese pola materia. Parabéns!


SIMETRÍAS

A simetría é unha correspondencia (igualdade) de posición, forma e tamaño entre dúas imaxes ou obxectos respecto a un eixe o liña que os divide. As simetrías máis bonitas podemos atopalas na natureza. Mirade esta galería de imaxes:


ACTIVIDADE OPTATIVA

Podemos facer simetrías debuxando pero tamén colocando obxectos. Aquí déixovos dúas propostas, pero soamente tedes que facer unha delas.

PROPOSTA 1: Debuxar unha simetría do voso rostro cunha foto.

  • Busca unha fotografía túa (pode ser de calquera idade).

  • Coloca unha folla en branco xusto no centro da fotografía.

  • Termina de debuxar ti o rostro que falta como no exemplo que vedes aquí debaixo.



PROPOSTA 2: Facer unha simetría con obxectos que hai por casa

  • Busca obxectos que podan ter a mesma forma ou tamaño. Por exemplo, da cociña (pratos, vasos, culleres, coitelos...), xoguetes (pezas de lego ou similares), roupa (calcetíns, luvas,...), xoias (pendentes). Pensa ti en máis obxectos que, como mínimo, atopes dous iguais de cada un para poder facer unha simetría.

  • Realiza na mesa de casa ou no chan unha composición simétrica poñendo una liña de separación no centro como ves nestes exemplos:



AVISO IMPORTANTE

Os que ides atrasados coas actividades de marzo e abril, tedes de prazo ata o vindeiro venres 22 de marzo para realizalas. A partir desa data borraranse todas as clases destes dous meses (non se borra maio). Se hai actividades con entrega en eses dous meses, debedes envialas antes da data indicada. O entregado fora dese prazo non poderá ser avaliado.

11/05/2020 – TAREFA ATA O 18 DE MAIO

Bos días! Esta semana non tedes que entregar nada obrigatorio, xa que vos propuxen facer un mosaico andalusí e moitos de vós aínda estades con el. Pero sí seguiremos aprendendo, neste caso traballaremos coa arquitectura medieval, veredes que interesante! En Sociais estudamos que hai dous tipos de arquitecturas propias na Idade Media, a románica e a gótica. Tamén falaremos da arquitectura musulmá presente na península. Empezamos:


ARTE ROMÁNICA E ARTE GÓTICA

Empezamos mirando este vídeo onde vos explica a diferenza entre a arte románica e a arte gótica:



OS DISTINTOS ARCOS NAS IGREXAS

Observade estes exemplos de igrexas:


Arco románico



Arco gótico



Agora, comparade estes dous arcos cos arcos propios da cultura musulmá, da que aquí en España quedan moitos vestixios.



A NOSA IGREXA, SAN FRANCISCO DE ASÍS – GÓTICA OU ROMÁNICA?

Mirade esta presentación que elaborou Natalio para todos vós.


ACTIVIDADE OPTATIVA - Se non a facedes, non resta nota. Se a facedes, suma.

Nunha folla do bloc, a lapis e axudándote do compás, tenta debuxar os tres tipos de arcos estudados: un arco románico, un arco gótico e un arco de estilo musulmán.


GUÍA PARA FACER OS DISTINTOS ARCOS

Aquí tes o meu traballo para poder ver un posible resultado final.


Arco románico

1. Realiza unha liña horizontal de 4 cm. Sinala nela o punto central onde vas pinchar o compás.



2. Abre o compás a un radio de 2 cm (mídeo coa regra) e realiza unha semicircunferencia

3. Logo, abre o compás a un radio de 4 cm e realiza outra semicircunferencia usando o mesmo centro de antes.

4. Engádelle as columnas máis abaixo.



Arco gótico

1. Realiza unha liña horizontal de 4 cm. Abre o compás a un radio de 4 cm tamén.

2. Apoia o pincho do compás nun extremo da liña que acabas de facer (insisto, non pinchas o centro, senón o extremo da liña de 4 cm) e realiza un arco no lado contrario, dende o outro extremo cara arriba.



3. Logo, fai o mesmo dende o outro extremo ata que as liñas se crucen. Borra o exceso de lapis.




4. Abre o compás a un radio de 6 cm. e realiza os dous arcos de fora pinchando nos mesmos extremos de antes.


5. Engádelle as columnas.



Arco de ferradura, estilo mudéjar

Este tipo de arco era propio da cultura musulmá. Chámase arco de ferradura e, como vedes, é lixeiramente distinto aos anteriores. A arte mudéjar é un estilo artístico que se desenvolveu nos reinos cristiáns da Península Ibérica, e que incorporaba influencias, elementos ou materiais de estilo hispano-musulmán. Trátase dun fenómeno exclusivamente hispánico que ten lugar entre os séculos XII e XVI, como mestura das correntes artísticas cristiás (románicas, góticas e renacentistas) e musulmás.

1. Realiza unha semicircunferencia máis pechada de radio 3 cm. Como vedes no exemplo, eu fixen unha liña horizontal onde apoiar o compás. Dende esa liña, paseime uns 2 cm cara abaixo para facer o arco con forma de ferradura.



2. Realiza outra semicircunferencia superposta, esta vez de radio 5 ou 4,5 cm. Borra a parte da circunferencia que sobre por debaixo dos 2 cm que marcamos antes.


3. Engádelle as columnas.


Para rematar, detalles

1. Escribe o nome de cada tipo de arco.

2. Para facer as pedras dos arcos, colle o transportador e realiza unhas marcas a 20º cada unha. Logo, cunha regra, une o centro coas marcas soamente debuxando dentro do arco.

3. Rotula os bordes con negro. Se non tes moito pulso é mellor que te saltes este paso.

4. Colorea con lapis suavemente.




Sei que o traballo non é fácil, pero anímovos a tentalo. Aínda que vos saia regular, tentalo é mellor que nada. Espero ver os vosos logros, pero lembrade que non é obrigatorio. Boa semana!

04/05/2020 – TAREFAS ATA O 18 DE MAIO (había un erro, perdón)


Bos días! En Sociais estivemos estudando a presenza dos musulmáns na península. Pois hoxe imos traballar con mosaicos que tan ben dominaban, unha técnica baseada na repetición de elementos decorativos, principalmente xeométricos. A actividade que vos pido é para dentro de quince días, así que tedes tempo de facela moi ben.


MOSAICO ANDALUSÍ

Na Idade Media, os artistas cristiáns e musulmáns herdaron a técnica do mosaico. A arte do islam utilizou motivos vexetais baseados na repetición. Cubrían completamente os muros, polo que din que decoraban con “horror ao baleiro”.


Nesta pequena galería de fotos fixen unha breve recompilación de imaxes de mosaicos. Mirádeos tentando captar os elementos xeométricos que os compoñen, a harmonía de cores (curiosidade lingüística: harmonía en galego leva h, en castelán non) e a sensación que vos transmite cada un.



PRESENTACIÓN DA ACTIVIDADE

Loxicamente, non podedes debuxar estes mosaicos... nin eu sabería facelos. Hai que ter moitísimos coñecementos de debuxo técnico e moita destreza có compás, escuadra, cartabón... Pero si podedes facer algún mosaico moi sinxelo.


Na seguinte galería veredes como se debuxarían estes mosaicos. Non vos pido que miredes estas fotos para copiar ningunha (xa o dixen, moi complicado), senón para que vos inspiredes!!! Mirade as formas: círculos, pentágonos, triángulos... Mirade como se superpoñen unhas con outras.




ACTIVIDADE PARA ENVIAR

  • Recorta unha folla do teu bloc de debuxo coa medida de 10 cm x 10 cm. Utiliza regra e lapis para marcar antes de cortar.

  • Realiza a lapis, usando regra e compás, patróns xeométricos sinxelos repetidos unhas cantas veces para dar a sensación de mosaico.

  • Colorea (con lapis, ceras ou acuarelas) simetricamente cada patrón, tentando tamén gardar a harmonía de cores dunha paleta elixida por ti libremente.

Aquí vos fixen un pequeno mosaico, a modo de exemplo, para que vexades o que quero. Xa vedes que é sinxelo e que non vos pido unha obra de arte. Pinteino con acuarelas. O puntiño amarelo do centro está feito con acrílico (unha pintura plástica que cobre moi ben).



CONSELLOS

Para facer mosaicos hai algúns consellos que tedes que ter en conta:

  1. A superposición de elementos: xa estudamos isto en clase, se superpoñedes un triángulo cun círculo, por exemplo, obtedes novos espazos que podedes colorear de forma distinta. Probade distintas figuras, veredes que bonitas formas crearedes.

  2. A repetición: un mosaico presenta un patrón que se repite moitas veces na folla, á mesma distancia un doutro. Esa repetición chea o espazo e aporta harmonía visual.

  3. Simetría da cor: cando colorees, tes que facelo de forma simétrica. Por exemplo, se coloreas a esquina dunha figura de cor verde, a esquina contraria ten que ter esa mesma cor.

  4. Harmonía da cor: tamén é importante saber combinar cores. Lembra a clase que fixemos no colexio sobre cores análogos, complementarios ou triádicos. Se queredes, podedes buscar en Internet “paletas de cores” e saen moitísimas posibles combinacións de cores totalmente harmónicas.


TRABALLOS FROTTAGE

Déixovos aquí os vosos traballos de Frottage para compartir entre todos.





860 vistas

981 26 26 06

Durante el período de suspensión de la actividad educativa, el horario de atención de la Secretaría será de 10 a 13 h.

© 1971 - 2020 COLEGIO PLURILINGÜE  FRANCISCANOS CORUÑA